miércoles, 18 de junio de 2014

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO PARA ALUMNADO DE PRIMARIA E E.S.O. EN GALICIA - CURSO 2014/15

    O 30 de maio pasado publicaronse no D.O.G. a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, en centros sostidos con fondos públicos, para o seu uso no curso escolar 2014/15. 


 REQUISITOS PARA ACCEDER ÁS AXUDAS
 
1. Ser pai/nai/titor ou titora legal do alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia durante o curso escolar 2014/2015, e non repetir curso neste ano académico. Non obstante, o alumnado que repita 1º ou 2º de educación primaria poderá solicitar a axuda, xa que neste ciclo emprégase material que non pode ser reutilizado.


2. Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


3. Para o alumnado de educación primaria e educación secundaria obrigatoria ter unha renda per cápita familiar igual ou inferior a 9.000 euros. Para a determinación da renda per cápita familiar terase en conta o disposto no artigo 6 da orde de convocatoria.

PRAZO DE SOLICITUDE E LUGAR DE PRESENTACIÓN

Lugar de presentación.


     As solicitudes entregaranse nos centros docentes nos que estea matriculado o alumnado.

Presentarase unha solicitude por cada alumno ou alumna, de xeito que se un solicitante ten varios fillos ou fillas matriculados nas ensinanzas obxecto da convocatoria, deberá presentar unha solicitude para cada un deles, xa sexa no mesmo ou en distinto centro.

    As axudas serán solicitadas polos pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado. Por cada alumno ou alumna só se concederá unha axuda, con independencia de que puidera estar escolarizado en dous ou máis centros sostidos con fondos públicos no curso escolar 2014/2015.

Prazo de presentación


     O prazo de presentación de instancias será o seguinte:


a) Para o alumnado de educación primaria e educación especial: do 2 de xuño ao 2 de xullo de 2014, ambos inclusive.
b) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo ordinario: do 25 de xuño ao 28 de xullo de 2014, ambos inclusive.
c) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo extraordinario: do 2 de setembro ao 2 de outubro de 2014, ambos inclusive.
d) Para as novas incorporacións de alumnado que se produzan ao longo do curso con posterioridade aos períodos indicados, sempre que no mesmo curso escolar non estivesen matriculadas con anterioridade nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo será dun mes e contarase a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. En todo caso, o prazo para presentar a solicitude para as novas incorporacións terá como data límite o 31 de marzo de 2015.

PRINCIPAIS NOVIDADES RESPECTO ÁS CONVOCATORIAS DE AXUDAS EN ANOS ANTERIORES

1. A finalidade das axudas é a adquisición exclusivamente de libros de texto (non se pode adquirir con cargo ao vale material didáctico nin complementario).
Non obstante, o alumnado matriculado en educación especial, así como aquel que teña recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 65% poderá adquirir os libros, material didáctico e complementario que o centro docente determine en cada caso.

2. O alumnado ten a obriga de conservar en bo estado os libros de texto adquiridos na súa integridade con cargo ao importe das axudas, así como incorporalos,  ao rematar o curso escolar 2014/2015 (xuño ou setembro, segundo o caso), a un fondo solidario que se constituirá no centro (banco de libros),

Exclúese desta obriga ao alumnado de 1º e 2º de educación primaria, así como o de educación especial e aquel cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, nos casos en que o material adquirido con cargo á axuda non poida ser reutilizado.
 
DOCUMENTACIÓN E MÁIS INFORMACIÓN

   A  información completa sobre estas axudas (modelo de solicitude, contía das mesmas, orden do DOG....) atópase no seguinte enlace da WEB da Consellería de Educación:  AXUDAS LIBROS DE TEXTO 2014/15

lunes, 16 de junio de 2014

FP: PROCESO DE ADMISIÓN E OFERTA DE CICLOS DE GRAO MEDIO E SUPERIOR / CURSO 2014-15

 

    Na páxina WEB da Consellería de Educación (Formación Profesional) xa están publicados o calendario de admisión en FP como a oferta de ciclos formativos de formación profesional de grao medio e grao superior, tanto en réxime ordinario como en réxime de adultos e a distancia para o próximo curso 2014/15.

    Actualmente, a Formación Profesional pódese cursar por curso completo no réxime ordinario, na modalidade presencial –asistindo diariamente ao centro formativo- ou de xeito parcial por módulos formativos no réxime de persoas adultas, nas modalidades presencial e a distancia.


PROCESO DE ADMISIÓN FP 2014/15


    O prazo de admisión de solicitudes será: 
* Do 17 de xuño ao 4 de xullo de 2014 ata as 13 horas en período ordinario para quen cumpra os requisitos de acceso en xuño
* Do 1 ao 12 de setembro de 2014 ata as 13 horas en período extraordinario.

    No seguinte enlace tedes todas as datas de admisión e de matrícula no caso de seren aceptados así como a normativa de admisión:

.- Calendario de admisión en FP 2014/15
.- Admisión en Ciclos FP Grao Medio
.- Admisión en Ciclos FP Grao Superior
.- Normativa de admisión - Regulación

OFERTA DE CICLOS DE FP EN GALICIA - 2014/15


   A continuación están os enlaces a oferta de réxime ordinario na modalidade presencial:


.- Oferta réxime ordinario na modalidade presencial nos centros públicos clasificada por provincia e concello.


.- Oferta réxime ordinario na modalidade presencial nos centros públicos clasificada por familia profesional e ciclo formativo.


    Na mesma páxina está tamén a oferta para ciclos en réxime de persoas adultas, tanto na modalidade presencial como a distancia OFERTA CICLOS 2014/15.


   Para calquera dúbida ao respecto poñédeos en contacto co orientador.

martes, 10 de junio de 2014

OFERTA TITULACIÓNS CON LÍMITE DE PRAZAS EN GALICIA - CURSO 2014/15


OFERTA DE TITULACIÓNS UNIVERSITARIAS EN GALICIA - CURSO 2014/15

    Na páxina WEB da CiUG (Comisión interuniversitaria de Galicia) acaba de publicarse a oferta titulacións de grao universitario, co número correspondente de prazas, que se ofertarán nas universidades galegas no próximo curso 2014/15.
    Para o próximo curso todas as titulacións teñen de novo límite de prazas, polo que será necesario realizar o proceso de preinscrición e admisión para solicitar praza.


   No seguinte enlace podedes consultar ou descargar en pdf o documento informativo: 



jueves, 22 de mayo de 2014

RESUMO DATAS, INSTRUCCIÓNS E CONSELLOS SELECTIVIDADE 2014

    
    A continuación presentamos un resumo das datas máis importantes da selectividade (PAU) de xuño 2014 e do proceso de solicitude de admisión e matrícula nos graos das universidades galegas. Tamén  están recollidas as instrucións sobre a realización das probas e unha serie de consellos e recomendacións para a preparación e realización dos exames.

    É importante ter claro os diferentes procesos.  En primeiro lugar está a  matrícula e a realización da PAU (Proba de Acceso á Universidade), que é a selectividade propiamente dita, necesaria para matricularse nun grao ou titulación universitaria oficial do sistema universitario español. 
    Unha vez aprobada a selectividade, en xuño ou setembro, está o procedemento de admisión nas titulacións con límite de prazas no sistema universitario de Galicia - que funciona como un distrito único - ou noutra universidade española. Os alumnos/as que soliciten a admisión nunha titulación poderán ser admitidos ou non en función da nota de corte requirida, que dependerá do número de prazas ofertadas e do número de estudantes que solicitan ese grao universitario.  
    En último lugar, se un estudante resulta admitido/a para unha titulación determinada nunha universidade galega ou noutra universidade española deberá matricularse nos prazos establecidos según o procedemento de matrícula estipulado.

    Independientemente de que se realice ou non a proba de acceso a universidade o alumando que teña aprobado o bacharelato ten acceso directo aos Ciclos Superiores de Formación Profesional.
    Para cursar un ciclo superior tamén é necesario solicitar a admisión nos centros de secundaria que impartan estas ensinanzas.     Neste proceso de admisión a obtención de praza ou non no ciclo desexado dependerá tamén do número de prazas que se oferten e do número de persoas que estean interesadas no ciclo.  Cando exista máis demanda nun ciclo determinado que prazas ofertadas establécense uns criterios de selección.
    No seguinte enlace da Consellería de educación tedes toda a información do proceso de admisión nos Ciclos Superiores de FP: Admisión ciclos formativos de grao superior de FP.
    Para completar a información sobre todo o referido a Formación Profesional podedes consultar neste blog en: Ciclos Formación Profesional.     
 
                                                           ------------------------------------------
    A continuación tedes o documento coas datas sobre a selectividade de xuño 2014 e sobre o proceso de admisión e matrícula nas titulacións do sistema universitario galego.  Tamén podedes encintrar unha serie de instuccións e consellos sobre a selectividade. Tamén podedes descargar o documento completo mo seguinte enlace: DATAS, INTRUCIÓNS E CONSELLOS SELECTIVIDADE 2014


SELECTIVIDADE XUÑO 2014 (Datas importantes)
PROCEDEMENTO ADMISIÓN E MATRÍCULA S.U.G. (Sistema Universitario Galicia)
27-28 de maio: Prematrícula PAU na secretaría dos institutos. No IES do Castro adiántase a prematrícula ao luns 26 e martes 27 de maio. Entregarase a cada solicitante un resgardo de matrícula co código de acceso á aplicación NERTA e as instrucións sobre a aplicación.
3 xuño: Publicación na CiUG, LERD e nos Centros de Secundaria das listaxes provisonais de matriculados por centro. É importante a comprobación persoal dos datos de matrícula por se é necesario facer reclamacións no caso dalgún erro.
11,12,13 xuño: Realización das probas. O lugar para os alumnos/as do IES do Castro será na Facultade de Filoloxía e Tradución (Comisión Delegada 21) no campus universitario As Lagoas S/N – Marcosende de Vigo. O horario de cada exame ven na páxina:
16 xuño: Publicación dos criterios específicos de avaliación de cada materia (nos LERD, Institutos e WEB da CiUG). Son moi importantes para unha posible reclamación ás notas das probas (exposición en internet).
20 xuño: Cualificacións provisionais da PAU, difusión a través de Internet e exposición na CiUG das actas provisionais da PAU (a partir das 20,00 horas) e envío polos responsables do soporte NERTA aos interesados, por correo electrónico, das
cualificacións provisionais da PAU
21 a 25 xuño (ata 14:00 horas do día 25): Solicitudes de reclamación e dobre corrección das cualificacións das PAU. No caso de desacordo con algunha nota deberás valorar a conveniencia de solicitar reclamación e/ou dobre corrección. No seguinte enlace da CiUG tes unha explicación do proceso e das consecuencias: http://ciug.cesga.es/reclamacion.php
25 xuño: Impresión nos LERD das tarxetas de cualificacións da PAU -- Envío dos LERD aos centros, por correo urxente, ás 14.00 horas, das tarxetas de cualificacións provisionais da PAU.
23 xuño ao 4 xullo: Solicitude Ordinaria de Admisión (Preinscrición) para cursar ensinanzas universitarias oficiais de Grao no SUG con límite de prazas:  http://ciug.cesga.es/preins.php.  No seguinte enlace tedes a oferta de graos universitarios nas Universidades Galegas:
http://ciug.cesga.es/PDF/triticotitulacions2013.pdf (esta información se refire ao curso 2013/14). Proximamente sairá a oferta de titulacións e prazas para o curso vindeiro.
- Esta solicitude poderase facer a través da aplicación NERTA, non sendo preciso neste caso a entrega da mesma nos LERD. É recomendable a aprendizaxe de uso do programa NERTA para facer as solicitudes anteriores:
- No seguinte enlace da CiUG tes información sobre o proceso de admisión: 
27 xuño: Publícanse as cualificacións despois de resolver as solicitudes de reclamación e segunda corrección.
3 xullo: Cualificacións definitivas despois das reclamacións ao resultado da dobre corrección se é o caso.
14 xullo:
- Publicación na CiUG e nos LERD das listaxes de admitidos e de espera do Primeiro Prazo de matrícula.
- Exposición na Internet, ás 18.00 horas, das listaxes de admitidos e de espera do Primeiro Prazo de matrícula.
- Envío do SASUGA aos interesados, por correo electrónico ou sms, do estado da súa matrícula.
1º PRAZO DE MATRÍCULA nas universidades galegas: do 16 ao 18 de xullo (ata 14.00 horas do día 18)
2º PRAZO DE MATRÍCULA nas universidades galegas: do 28 ao 30 de xullo (ata 14.00 horas do día 30)
Procedemento de matrícula nas universidades galegas - CiUG: http://ciug.cesga.es/procedementoacceso.php
Lugares de matrícula das tres universidades galegas: http://ciug.cesga.es/lugares.php

DOCUMENTACIÓN E MATERIAL QUE DEBES LEVAR Á PROBA
XERAL .- DNI (Documento Nacional de Identidade) ou pasaporte.
.- Pluma ou bolígrafo negro ou azul
ESPECÍFICA DALGUNHAS MATERIAS
* Para Matemáticas e Física deberán levar
.- Calculadora non programable
As táboas necesarias para resolver problemas (Matemáticas, Química) serán entregadas polo tribunal cos exames, se fosen necesarias.
* Para Latín e Grego levarán
.- Dicionario
* Para o exame de Debuxo Técnico deberán levar
.- Lapis ou portaminas (2H e 2B), goma, escuadra/cartabón – regra, transportador de ángulos, compás (podes levar varias minas de compás preparadas). Ademais convén levar lixa para afiar, celo para fixar o papel e debuxar mellor.

Non se pode compartir o material durante os exames, tampouco o típex.

INSTRUCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DOS EXAMES DA PAU 2014 - PROBLEMAS OU DÚBIDAS
.- Aos lugares de realización dos exames da PAU non está permitida a asistencia con teléfonos móbiles nin outros dispositivos electrónicos, excepto as calculadoras non programables mencionadas. O incumprimento desta norma poderá ser motivo de medida disciplinaria.
.- Todos os alumnos/as deberán acudir a presentación o primeiro día ás 9:00 horas da mañá e logo presentarse á realización dos exercicios á hora convocada para cada un deles. (Ver o enlace dos horarios concretos de cada exame no páxina anterior)
.- No momento da presentación, o tribunal asignaralle un posto de exame a cada alumno/a, que deberá ocupar en todas as probas.
.- Ao empezar as probas, o alumnado recibirá un xogo de adhesivos de código de barras que os identifica. Estes adhesivos non deben dobrarse nin modificarse de ningún xeito. Recoméndaselle tamén que non deixen os adhesivos nas aulas nin ao alcance de persoas estrañas.
.- Os exames son anónimos e non poden asinarse nin deberán presentar marcas de ningún tipo que poidan permitir unha eventual identificación persoal.
.- Ao empezar cada unha das probas se entrega a cada estudante un caderno de exame formados por dúas follas A-3 (8 páxinas de tamaño A-4) e unha cabeceira adhesiva. O alumnado pode utilizar para redactar as respostas todas as páxinas agás a primeira. Non se poderán arrincar nin engadir follas.
.- O acceso ao aula de exame implica sempre a entrega obrigatoria do caderno de exame debidamente etiquetado, aínda que se deixase en branco. Os exames deberán entregárselle a un membro do Tribunal, esperando que este comprobe que se lle entrega no número e condicións debidas. En ningún caso se deixarán os exames enriba das mesas.

DÚBIDAS E IMPREVISTOS
Se por causa excepcional chegas tarde o primeiro día ou a algún exame, se perdes a documentación ou tes algún incidencia cos adhesivos de código de barras ponte e contacto co profesor/a do centro que vos acompañe ou co vixiante do Tribunal para comunicarlles o teu problema .

RECOMENDACIÓNS E CONSELLOS PARA A PREPARACIÓN E REALIZACIÓN DA PROBA DE SELECTIVIDADE
Antes da proba:
.- O día antes da proba o mellor que podes facer é desconectar realizando actividades lúdicas ou de lecer (ir á praia, ao cine, facer deporte ou pasear...).
.- Debes deitarte a unha hora prudente na véspera (a habitual) para chegar á proba descansado/a.
.- O día anterior deixa lista e preparada a documentación e o material necesario para realizar o exame.
.- Planifica a preparación da selectividade con tempo e non intentes estudar apresuradamente no último momento.
.- Procura chegar ao lugar do exame con certa antelación. Deberás ser puntual, e no caso de xurda algunha incidencia allea a túa vontade, segue as recomendacións do apartado anterior.
Durante a proba:
.- Le sen presas as dúas probas que che propoñen en cada exame e avalía tranquilamente cal podes facer mellor. O tempo que aparentemente perdes serve para que te tranquilices evitando cambios de opción posteriores que che farán perder aínda máis tempo.
.- Le ben as instrucións que vos dan para realizar as probas.
.- Le ben as preguntas ou demandas para comprender exactamente o que che piden.
.- É recomendable comezar o exame por aquelas preguntas e cuestións que mellor sabes.
.- Se tes algunha dúbida pregunta aos profesores/as presentes. Ademais de vixiar están tamén para axudarte.
.- Vixía as expresións e procura que sexan claras e coherentes cando respondas, organizando mentalmente ou mediante un esquema as ideas e conceptos que queres explicar.
.- Procura escribir con letra clara e lexible para o examinador e pon atención na ortografía, na sintaxe, no vocabulario...
.- Distribúe o tempo do exame calculando o que che pode levar cada exercicio e no te esquezas de deixar uns minutos ao final para repasar as túas respostas.
.- Se non te chega o tempo para realizar algún exercicio, deixa anotado un esquema para que o examinador comprobe que a sabías.

WEBS DE CONSULTA:
* Páxina WEB da CIUG: http://ciug.cesga.es/index.html
* Convocatoria matrícula sectividade xuño 2014:

Para ampliar a información consultar blog de orientación do Castro: http://orientacastro.blogspot.com.es/



lunes, 19 de mayo de 2014

PROGRAMA BECAS VIGO EN INGLÉS - 3ºESO


    O Concello de Vigo acaba de convocar a oferta de becas de inglés no estranxeiro para estudantes de 3º de ESO de Vigo, un programa municipal de inmersión en lingua inglesa denominado: VIGO EN INGLÉS.

    A convocatoria oferta 290 prazas neste programa de inmersión lingüísitca en inglés, 203 (70%) para centros públicos e 87 (30%) para centros privados concertados.

.- BASES DA CONVOCATORIA  (descargar documento)    
Os adxudicatarios da presente convocatoria serán os alumnos e alumnas, españois ou estranxeiros con tarxeta de residencia ou de estancia por estudos en vigor, de centros educativos do Concello de Vigo sostidos con fondos públicos que cumpran os requisitos que a continuación se sinalan:
  1. Estar a cursar 3.º da ESO nun centro educativo sostido con fondos públicos do Concello de Vigo durante o curso académico 2013/2014.
  2. Ter aprobadas todas as materias de 2.º de ESO.
  3. Ter obtido como mínimo unha nota de 7 na materia de Lingua inglesa nas cualificacións finais de 2.º de ESO.
  4. Estar empadroado no Concello de Vigo, con vixencia mínima dende o 01/01/2014 , dato que será comprobado de oficio pola propia administración.
  5. Non ter concedida, no ano 2014, outra axuda coa mesma finalidade.
  6. Ter DNI/NIE, permiso de residencia ou pasaporte en vigor cunha vixencia mínima de 6 meses.
Deberán solicitar as prazas os representantes legais (pai e nai ou titor/a legal) dos alumnos e alumnas.
Ver nos seguintes enlaces para:

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES 
    O prazo de presentación de solicitudes no rexistro xeral do Concello de Vigo (Praza do Rei n.º1 36202 Vigo) será do 26 de maio ao 6 de xuño de 2014, ambos inclusive.

lunes, 12 de mayo de 2014

CONVOCATORIA SELECTIVIDADE XUÑO 2014


    A CiUG (Comisión Interuniversitaria de Galicia) xa enviou aos centros o documento sobre a MATRÍCULA ANTICIPADA E ORDINARIA da Proba de Acceso á Universidade para a convocatoria de xuño 2014.

   No seguinte enlace podedes consultar ou descargar a información: CONVOCATORIA MATRÍCULA SELECTIVIDADE XUÑO 2014

    O IES do Castro, como en anos anteriores, pertence á Comisión Delegada nº 21, na Facultade de Filoloxía e Traducción de Vigo no Campus As Lagoas, s/n – Marcosende.

    A continuación tedes o horario completo dos exames de selectividade (fase xeral e específica) que se realizarán os días 11, 12 e 13 de xuño.

  

 A continuación tes o enlace co calendario xeral das PAU 2014  e do acceso ao Sistema Universitario de Galicia no curso 2014/15 que inclúe tamén as datas da convocatoria de setembro: 

jueves, 8 de mayo de 2014

CONVOCATORIA ORDINARIA DE PRAZAS ALOXAMENTO DO SERVIZO DE RESIDENCIAS DA UNVERSIDADE DE SANTIAGO




  O Servizo Universitario de Residencias (SUR) da Universidade de Santiago de Compostela ven de publicar a convocatoria de aloxamento para o curso 2014-2015. 

Prazos de solicitude:

    Na convocatoria xeral, para o alumnado de nova admisión, entre eles os que queren matricularse por primeira vez en calquera grao da Universidade procedentes do bacharelato ou dos ciclos superiores da FP, as datas son:   do 1 ao 25 de xuño de 2014.

    A continuación podedes descargar ou consultar a convocatoria na que se especifica todo o proceso de admisión cos requisitos necesarios para optar ás prazas de residencia e a documentación que se deberá entregar:
                
                       * Convocatoria xeral residencias de Santiago (galego)

                       * Convocatoria general residencias de Santiago (castellano)


    Para acceder directamente a WEB do SUR (Sistema Universitario de Residencias) da Universidade de Santiago preme no seguinte enlace: SISTEMA DE RESIDENCIAS UNIVERSITARIAS (SUR)

    No seguinte enlace tes acceso directo aos FOLLETOS INFORMATIVOS sobre as residencias universitarias do SUR.

miércoles, 7 de mayo de 2014

CONVOCATORIA PROBAS FÍSICAS ADMISIÓN GRAO DE CIENCAS dA ACTIVIDADE FÍSICA E DEPORTE - UNIVERSIDADE DE VIGO (Campus Pontevedra) - CURSO 2014-15

     
Video Demostrativo das Probas Físicas de Acceso ao Grao en CCAFD de Pontevedra
   
    Para acceder ao Grao de Actividades Físicas e Deporte que se imparte na Universidade de Vigo (campus de Pontevedra) ou na Universidade da Coruña (INEF), ademais de aprobar a selectividade, é necesario superar unhas probas físicas de aptitude.

    Nos enlaces seguintes tedes toda a información para consultala o descargala: convocatoria, descrición e solicitude das probas, calendario e lugar das probas... PROBAS DE APTITUDE FÍSICA UNIVERSIDADE DE VIGO 2014

- Presentación de solicitudes ata do 7 de abril ao 15 de maio.
- Realización das probas físicas o 17 de xuño.

    Nunha entrada anterior deste mesmo blog do día 24/3/2013 tamén tedes información sobre a convocatoria para realizar as probas de aptitude física para o Grao de Actividades Físicas e do Deporte do INEF da Coruña: PROBAS INEF CORUÑA 2014 

NOTA: para calquera dúbida ou para obter máis información poñédevos en contacto co orientador.