miércoles, 4 de diciembre de 2013

SALÓN DE ORIENTACIÓN UNIVERSITARIA UNITOUR (VIGO)

http://www.unitour.es/index.htm
 
    O martes 17 de decembro de 2013, no pazo de Congresos do Mar de Vigo (rúa Beiramar), celebrarase a 8ª edición do Salón de Orientación Universitaria UNITOUR en Vigo.

     O IES do Castro xa está inscrito e asistiremos ao Salón UNITOUR, como en anos anteriores, cun grupo de alumnos/as fundamentalmente de 2º de bacharelato, que se apuntarán previamente nas súas clases.

Horario de visita a UNITOUR


    A visita será pola mañán e durará aproximadamente algo máis dunha hora. A saída do instituto será ás 12 horas e o regreso sobre ás 14 horas.

En que consiste o SALÓN UNIVERSITARIO UNITOUR?

   En Unitour estarán instalados os expositores de diversas universidades públicas e privadas con persoas que intentarán atender, asesorar e orientar aos estudantes en todo o posible sobre a oferta de estudos, e axudalos na elección tanto dun grao como de centro universitario. Será unha xornada de orientación universitaria e constitúe, por tanto, unha oportunidade de coñecer de primeira man a oferta das institucións universitarias presentes no evento.

Máis información

    Neste enlace SALÓN UNIVERSITARIO VIGO 2013 tedes información máis concreta da xornada e o LISTADO UNIVERSIDADES que participan neste salón universitario. Este ano, entre outras, estarán presentes a Unversidade de Vigo e a Universidade de Santiago.

    Os alumnos/as que asistan a UNITOUR recibirán un CD coa información universitaria de máis de 80 universidades de toda España, coas notas de corte, carreiras, prazas, saídas profesionais, etc.

    Esta visita en grupo está organizada desde o centro polo Departamento de Orientación en colaboración cos titores/as. Os pais e nais poderán asistir libremente durante todo o día sen necesidade de inscrición previa. Durante a tarde, de 15 a 16'30 horas a entrada sera libre para todos os asistentes.

---------------------------------------------------------------------

NOTA: sería conveniente que vos informásedes previamente da oferta de cada universidade para preparar a visita con tempo e ir directamente, en primeiro lugar, aos expositores daquelas que vos interesen máis. Para acceder a esta información recordade que neste mesmo blog, na pestana UNIVERSIDADES (columna da esquerda) tedes acceso ás WEBS de todas as universidades españolas.

    Para preparar a visita deixo a continuación diversos enlaces e documentación para ampliar a información e coñecer de antemán o que pode interesar de cada universidade ou centro universitario dos presentes no salón universitario de Vigo este ano.

.- Listado das WEBS de todas as universidades públicas e privadas de España.

.- Graos e titulacións universitarias en Galicia.

.- Las 50 carreras - Dónde estudiar las más demandadas 2013.

martes, 3 de diciembre de 2013

SUPERKIDS: PROGRAMA "YO CONTROLO, PORTEGE TU IMAGEN EN LA RED"

http://www.yocontrolo.es/index.php


     YO CONTROLO, PROTEGE TU PRIVACIDAD Y PONLE FRENO AL CIBERBULLYNG - SUPERKIDS - é un proxecto integrado no Programa Daphne III, financiado pola Comisión Europea, que ten como principal obxectivo o fortalecemento dos menores contra a violencia online, por medio de módulos e-learning. Estes módulos están pensados para traballar con alumnos/as de 10 a 13 anos, e poden ser utilizados para esta tarefa por profesorado e polas familias.

     No seguinte enlace esta a guía do proxecto con diversos materiais: guía do profesorado, estudo de casos para tratar o ciberbullying e a protección da privacidade na rede e outros recursos sobre o tema.

http://www.yocontrolo.es/index.php

viernes, 29 de noviembre de 2013

PROTÉGELES - CENTRO DE SEGURIDAD EN INTERNET


PROTEGELES é unha organización de protección ao menor totalmente profesionalizada na que unha serie de expertos en seguridade e protección do menor procedentes de diversas especialidades, traballan ofrecendo "solucións" a xente nova (nenos e adolescentes), as súas familias e aos centros educativos, e sempre de maneira gratuita.

PROTEGELES é o CENTRO DE SEGUIDADE EN INTERNET para menores en España, dependente do Safer Internet Programme da COMISIÓN EUROPEA.


Unha das liñas de acción desta organización e a axuda para a sensibilización, prevención, información e intervención no acoso en internet (ciberbullying):  INTERNET SIN ACOSO: CIBERBULLYING


Outros dos aspectos que se abordan na WEB é o acoso escolar (bullying): ACOSO ESCOLAR: BULLING


jueves, 17 de octubre de 2013

ORIENTALINE 2013/14


ACTUALIZACIÓN PROGRAMA ORIENTA 2013/14 E ORIENTA ONLINE


    
    Xa tedes no blog o PROGRAMA INFORMÁTICO ORIENTA 2013/14 actualizado con información moi útil e actualizada para os estudantes de ESO, Bachillerato e Ciclos.

    Poderás acceder desde o blog á función - EL ORIENTA "ONLINE" - que permite realizar consultas directamente en internet sen necesidade de descargar o programa.  Entre outras cuestións permite realizar un cuestionario vocacional para alumnado de ESO e Bacharelato que che pode axudar na elección dun bacharelato se estás na ESO ou de estudos superiores se cursas bacharelato.

    Tamén podes consultar a oferta para este curso 2013-14 de Ciclos Formativos medios e superiores, así como de estudos superiores e graos universitarios de todas las universidades españolas, coas notas de corte actualizadas e os parámetros de ponderación de cada universidade e grao, etc..

    Na columna esqueda de enlaces do blog terás o enlace permanente:
                                                                                 
      Se queredes descargar o programa no voso equipo pincha AQUÍ e poderás facelo desde o outro blog de Orientación Académica e Vocacional do Castro.

jueves, 10 de octubre de 2013

COMIC: OS PERIGOS DE INTERNET

     O Valedor do Pobo e a Consellería de Traballo e Benestar lanzaron a primeira edición do cómic Os perigos de internet, unha historieta que pretende achegar por medio das vivencias dunha familia con fillos adolescentes as ameazas reais que se poden atopar os menores de idade no uso das tecnoloxías e de que xeito os seus comportamentos poden chegar alterar a convivencia normal nos seus fogares.



Podes descargar o comic directamente desde a páxina do Valedor do Pobo: 
  OS PERIGOS DE INTERNET: COMIC

miércoles, 28 de agosto de 2013

AXUDAS PARA ALUMNADO CON NECESIDADES DE APOIO EDUCATIVO 2013/14

 
O Ministerio de Educación e Ciencia publicou no B.O.E. do 19 de agosto de 2013 a convocatoria de axudas para alumnado con necesidades de apoio educativo no curso 2013/14.

O prazo de solicitude será do 20 de agosto ao 30 de setembro.

No seguinte enlace pódese realizar a solicitude online e consultar toda a información sobre os requisitos para optar a elas e a documentación que é necesario presentar: INFORMACIÓN AXUDAS NECESIDADES APOIO EDUCATIVO

Documento da convocatoria oficial das axudas:   TEXTO RESOLUCIÓN DE AXUDAS NO B.O.E

viernes, 23 de agosto de 2013

CONVOCATORIA DE BECAS DE CARÁCTER XERAL PARA ESTUDOS POSTOBRIGATORIOS (NIVEIS NON UNIVERSITARIOS) NO CURSO 2013/14

 

Convocáronse no Boletín Oficial do Estado as becas para os estudos postobrigatorios (inclúen o bacharelato) para o curso 2013/14


O prazo para presentar as solicitudes é do 20 de agosto ao 30 de setembro de 2013.

 

No seguinte enlace tedes toda a información sobre quen pode solicitar as becas, os requisitos xerais e académicos para acceder a elas, o tipo de becas e que inclúen entre outras cuestións. 


PREGUNTAS XERAIS SOBRE BECAS ESTUDOS POSTOBRIGATORIOS (NON UNIVERSITARIAS) 2013/14

 

TEXTO COMPLETO DAS BECAS - B.O.E


A solicitude pódese realizar via online no seguinte rexistrándose na WEB do Ministerio de educación:

 

ACCESO AO SERVIZO ONLINE

martes, 11 de junio de 2013

OFERTA CICLOS FP EN GALICIA PARA O CURSO 2013/14

 

Na páxina WEB da Consellería de Educación (Formación Profesional) actualizouse con data do 10/6/2013 a oferta de ciclos formativos de formación profesional de grao medio e grao superior, tanto en réxime ordinario como en réxime de adultos, para o próximo curso 2013/14.

Actualmente, a Formación Profesional pódese cursar por curso completo no réxime ordinario, na modalidade presencial –asistindo diariamente ao centro formativo- ou de xeito parcial por módulos formativos no réxime de persoas adultas, nas modalidades presencial e a distancia.

A continuación están os enlaces a oferta de réxime ordinario na modalidade presencial:

.- Oferta réxime ordinario na modalidade presencial nos centros públicos clasificada por provincia e concello.

.- Oferta réxime ordinario na modalidade presencial nos centros públicos clasificada por familia profesional e ciclo formativo.

Na mesma páxina está tamén a oferta para ciclos en réxime de persoas adultas, tanto na modalidade presencial como a distancia OFERTA CICLOS 2013/14.


Para calquera dúbida ao respecto poñédeos en contacto co orientador.

jueves, 6 de junio de 2013

AXUDAS ADQUISICIÓN DE LIBROS E MATERIAL PARA ALUMNADO DE GALICIA 2013/14

O 31 de maio pasado publicaronse no D.O.G. a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, en centros sostidos con fondos públicos, no curso escolar 2013/14. 


 REQUISITOS PARA ACCEDER ÁS AXUDAS
 
1. Ser pai/nai/titor ou titora legal do alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia durante o curso escolar 2013/2014, e non repetir curso neste ano académico. Non obstante, o alumnado que repita 1º ou 2º de educación primaria poderá solicitar a axuda, xa que neste ciclo emprégase material que non pode ser reutilizado.

2. Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para o alumnado de educación primaria e educación secundaria obrigatoria ter unha renda per cápita familiar igual ou inferior a 9.000 euros. Para a determinación da renda per cápita familiar terase en conta o disposto no artigo 6 da orde de convocatoria.

PRAZO DE SOLICITUDE E LUGAR DE PRESENTACIÓN

Lugar de presentación.

As solicitudes entregaranse nos centros docentes nos que estea matriculado o alumnado.
Presentarase unha solicitude por cada alumno ou alumna, de xeito que se un solicitante ten varios fillos ou fillas matriculados nas ensinanzas obxecto da convocatoria, deberá presentar unha solicitude para cada un deles, xa sexa no mesmo ou en distinto centro.
As axudas serán solicitadas polos pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado. Por cada alumno ou alumna só se concederá unha axuda, con independencia de que puidera estar escolarizado en dous ou máis centros sostidos con fondos públicos no curso escolar 2013/2014.

Prazo de presentación.

O prazo de presentación de instancias será o seguinte:
a) Para o alumnado de educación primaria e educación especial: do 3 de xuño ao 3 de xullo de 2013, ambos inclusive.
b) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo ordinario: do 25 de xuño ao 26 de xullo de 2013, ambos inclusive.
c) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo extraordinario: do 2 de setembro ao 2 de outubro de 2013, ambos inclusive.
d) Para as novas incorporacións de alumnado que se produzan ao longo do curso con posterioridade aos períodos indicados, sempre que no mesmo curso escolar non estivesen matriculadas con anterioridade nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia,  o prazo será de un mes e contarase a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. En todo caso, o prazo para presentar a solicitude para as novas incorporacións terá como data límite o 31 de marzo de 2014.

A  información completa sobre estas axudas (modelo de solicitude, contía das mesmas, orden do DOG....) atópase no seguinte enlace da WEB da Consellería de Educación:  AXUDAS LIBROS E MATERIAL 2013/14

viernes, 31 de mayo de 2013

GRAOS E TITULACIÓNS UNIVERSITARIAS EN GALICIA

No enlaces do cadro seguinte, pódese consultar a información concreta de todas as titulacións universitarias que se imparten actualmente no Sistema Universitario de Galicia


ENLACES DIRECTOS Á INFORMACIÓN DOS GRAOS UNIVERSITARIOS OFICIAIS DAS TRES UNIVERSIDADES GALEGAS 


ENLACES COAS TITULACIÓNS PROPIAS DO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA

Titulado Superior en Deseño Téxtil e Moda  (Pontevedra - Univ. de Vigo)

TITULACIÓN CON CONDICIÓNS ESPECIAIS DE ACCESO
 
Centro Militar da Defensa na Escola Militar de Marín
Para acceder á titulación ofertada polo Centro Universitario da Defensa de Marín (Escola Naval Militar) pode informarse nas delegacións e subdelegacións provinciais do Ministerio de Defensa. Ademais de ter aprobadas as PAU e necesario cumprir os requisitos establecidos para formar parte das Forzas Armadas e superar unhas probas específicas.

miércoles, 22 de mayo de 2013

RESUMO DATAS, INSTRUCCIÓNS E CONSELLOS SELECTIVIDADE 2013

A continuación presentamos un resumo das datas máis importantes da selectividade (PAU) de xuño 2013 e da solicitude de admisión e matrícula nos graos das universidades galegas. Tamén  están recollidas as instrucións sobre a realización das probas e unha serie de consellos e recomendacións para a preparación e realización dos exames.

Descargar o documento completo: DATAS, INTRUCIÓNS E CONSELLOS SELECTIVIDADE 2013


SELECTIVIDADE  XUÑO  2013 / ADMISIÓN S.U.G. (Datas importantes)
28 a 30 maio: Prematrícula PAU na secretaría do instituto. No IES do Castro adiántase a prematrícula ao luns 27 e martes 28 de maio. Entregarase a cada solicitante un resgardo de matrícula co código de acceso á aplicación NERTA e as instrucións sobre a aplicación.
3 xuño: Publicación na CiUG, LERD e nos Centros de Secundaria das listaxes definitivas de matriculados por centro. É importante a comprobación persoal dos datos de matrícula por se é necesario facer reclamacións no caso dalgún erro.
12,13,14 xuño:  Realización das probas. O lugar para os alumnos/as do IES do Castro será na Facultade de Filoloxía e Tradución (Comisión Delegada 21) no campus universitario As Lagoas S/N – Marcosende de Vigo. Os horarios das probas veñen na páxina: http://ciug.cesga.es/PDF/horario.PDF.
17 xuño: Publicación dos criterios específicos de avaliación de cada materia (nos LERD, Institutos e WEB da CiUG). Son moi importantes para unha posible reclamación ás notas das probas (exposición en internet).
21 xuño: Cualificacións provisionais das PAU, difusión a través de Internet e exposición na CIUG das actas provisionais das PAU (a partir das 20,00 horas)
22 a 26 xuño (ata 14:00 horas do día 26): Solicitudes de reclamación e dobre corrección das cualificacións das PAU. É necesario valorar adecuadamente se solicitar reclamación ou dobre corrección. No seguinte enlace da CiUG tes unha explicación do proceso e das consecuencias: http://ciug.cesga.es/reclamacion.php
25 xuño: Envío dos LERD aos centros, por correo urxente, ás 14.00 horas, das tarxetas de cualificacións provisionais da PAU.
25 xuño a 5 xullo: Solicitude Ordinaria de Admisión (Preinscrición) para cursar ensinanzas universitarias oficiais de Grao no SUG con límite de prazas.  No seguinte enlace tedes a oferta de graos universitarios nas Universidades Galegas: http://ciug.cesga.es/PDF/tritico2012.pdf (esta información se refire ao curso 2012/13). Proximamente saíra a oferta de titulacións e prazas para o curso vindeiro.
-       Esta solicitude poderase facer a través da aplicación NERTA, non sendo preciso neste caso a entrega da mesma nos LERD. É recomendable a aprendizaxe de uso do programa NERTA para facer as solicitudes anteriores:  http://ciug.cesga.es/PDF/nertaalumnadoinstrucions.pdf
-       No seguinte enlace da CiUG tes información sobre o proceso de admisión: http://ciug.cesga.es/preins.php
5 xullo: Cualificacións definitivas das PAU
6 xullo: Publicación na web da CiUG dos datos de Preinscrición (a partir das 16.00 horas).
15 xullo:
- Publicación na CiUG e nos LERD das listaxes de admitidos e de espera do Primeiro Prazo de matrícula.
- Exposición na Internet, ás 15.00 horas, das listaxes de admitidos e de espera do Primeiro Prazo de matrícula.
- Envío do SASUGA aos interesados, por correo electrónico ou sms, do estado da súa matrícula.
1º PRAZO DE MATRÍCULA nas universidades galegas: do 17 ao 19 de xullo (ata 14.00 horas do día 19)
2º PRAZO DE MATRÍCULA nas universidades galegas: do 29 ao 31 de xullo (ata 14.00 horas do día 31)
Procedemento de matrícula nas universidades galegas - CiUG: http://ciug.cesga.es/procedementoacceso.php
Lugares de matrícula: http://ciug.cesga.es/lugares.php

DOCUMENTACIÓN E MATERIAL QUE DEBES LEVAR Á PROBA
XERAL .- DNI (Documento Nacional de Identidade) ou pasaporte.
.- Pluma ou bolígrafo negro ou azul
.- Recorda que podes usar o “típex” pero non compartilo nun exame.

ESPECÍFICA DALGUNHAS MATERIAS
   * Para Matemáticas e Física deberán levar
            .- Calculadora non programable
As táboas necesarias para resolver problemas (Matemáticas, Química) serán entregadas polo tribunal cos exames, se fosen necesarias.
   * Para Latín e Grego levarán
.- Dicionario
   * Para o exame de Debuxo Técnico deberán levar
            .- Lapis ou portaminas (2H e 2B), goma, escuadra/cartabón – regra, transportador de ángulos, compás (podes levar             varias minas de compás preparadas).  Ademais convén levar lixa para afiar, celo para fixar o papel e debuxar mellor.
Non se pode compartir material no exame baixo ningún concepto.

INSTRUCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DOS EXAMES DA PAU 2013 - PROBLEMAS OU DÚBIDAS
.- Aos lugares de realización dos exames da PAU non está permitida a asistencia con teléfonos móbiles nin outros dispositivos electrónicos, excepto as calculadoras non programables mencionadas.  O incumprimento desta norma poderá ser motivo de medida disciplinaria.
.- Todos os alumnos/as deberán acudir a presentación o primeiro día ás 9:00 horas da mañá e logo presentarse á realización dos exercicios á hora convocada para cada un deles.
.- No momento da presentación, o tribunal asignaralle un posto de exame a cada alumno/a, que deberá ocupar en todas as probas.
.- Ao empezar as probas, o alumnado recibirá un xogo de adhesivos de código de barras que os identifica.  Estes adhesivos non deben dobrarse nin modificarse de ningún xeito. Recoméndaselle tamén que non deixen os adhesivos nas aulas nin ao alcance de persoas estrañas.
.- Os exames son anónimos e non poden asinarse nin deberán presentar marcas de ningún tipo que poidan permitir unha eventual identificación persoal.
.- Ao empezar cada unha das probas se entrega a cada estudante un caderno de exame formados por dúas follas A-3 (8 páxinas de tamaño A-4) e unha cabeceira adhesiva.  O alumnado pode utilizar para redactar as respostas todas as páxinas agás a primeira. Non se poderán arrincar nin engadir follas.
.- O acceso ao aula de exame implica sempre a entrega obrigatoria do caderno de exame debidamente etiquetado, aínda que se deixase en branco.  Os exames deberán entregárselle a un membro do Tribunal, esperando que este comprobe que se lle entrega no número e condicións debidas.  En ningún caso se deixarán os exames enriba das mesas.

DÚBIDAS E IMPREVISTOS
Se por calquera causa excepcional chegas tarde o primeiro día ou a algún exame, se perdes a documentación ou tes algún problema coas etiquetas adhesivas de identificación ponte e contacto e comunica o teu problema ao profesor/a do centro que te acompañe ou ao vixiante do Tribunal.

RECOMENDACIÓNS E CONSELLOS PARA A PREPARACIÓN E REALIZACIÓN DA PROBA DE SELECTIVIDADE
Antes da proba:
.- O día antes da proba o mellor que podes facer é desconectar realizando actividades lúdicas ou de lecer (ir á praia, ao cine, facer deporte ou pasear...).
.- Debes deitarte a unha hora prudente na véspera (a habitual) para chegar á proba descansado/a.
.- O día anterior deixa lista e preparada a documentación e o material necesario para realizar o exame.
.- Planifica a preparación da selectividade con tempo e non intentes estudar apresuradamente no último momento.
.- Procura chegar ao lugar do exame con certa antelación. Deberás ser puntual, e no caso de xurda algunha incidencia allea a túa vontade, segue as recomendacións do apartado anterior.
Durante a proba:
.- Le sen presas as dúas probas que che propoñen en cada exame e avalía tranquilamente cal podes facer mellor. O tempo que aparentemente perdes serve para que te tranquilices evitando cambios de opción posteriores que che farán perder aínda  máis tempo.
.- Le ben as instrucións que vos dan para realizar as probas.
.- Le ben as preguntas ou demandas para comprender exactamente o que che piden.
.- É recomendable comezar o exame por aquelas preguntas e cuestións que mellor sabes.
.- Se tes algunha dúbida pregunta aos profesores/as presentes. Ademais de vixiar están tamén para axudarte.
.- Vixía as expresións e procura que sexan claras e coherentes cando respondas, organizando mentalmente ou mediante un esquema as ideas e conceptos que queres explicar.
.- Procura escribir con letra clara e lexible para o examinador e pon atención na ortografía, na sintaxe, no vocabulario...
.- Distribúe o tempo do exame calculando o que che pode levar cada exercicio e no te esquezas de deixar uns minutos ao final  para repasar as túas respostas.
.- Se non te chega o tempo para realizar algún exercicio, deixa anotado un esquema para que o examinador comprobe que a sabías.


WEBS DE CONSULTA:          
          * Páxina WEB da CIUG:   http://ciug.cesga.es/index.html 
          * Calendario oficial PAU 2013: http://ciug.cesga.es/PDF/calendariocentros2013.pdf
          * Convocatoria matrícula sectividade xuño 2013: http://ciug.cesga.es/PDF/convocpau2013.pdf

BLOG de Orientación do IES do CASTRO: http://elorienta.com/castro/

lunes, 20 de mayo de 2013

ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES - ACCESO E ADMISIÓN CURSO 2013/14



A Consellería de Educación ven de publicar no (D.O.G.) Diario Oficial de Galicia as instruccións para o acceso e admisión do alumnado a diferentes ensinanzas e estudos superiores de Ensinanzas Artísticas para o curso 2013/14.

 

Requisitos de acceso: Estar en posesión do título de bacharel ou equivalente e superar unha proba específica de acceso.

Prazo de inscrición para realizar a proba específica: do 15 de maio ao 14 de xuño de 2013 na secretaría da Escola Escola de Arte Dramática de Vigo. 

As probas específicas comezarán o día 26 de xuño conforme ao calendario que se estableza na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo



Requisitos de acceso: Estar en posesión do título de bacharel ou equivalente e superar unha proba específica de acceso.

Prazo de inscrición para realizar a proba específica: do 15 de maio ao 13 de xuño de 2013 na secretaría da Escola Superior de Conservación e Restauración de Pontevedra

As probas específicas comezarán o día 25 de xuño conforme ao calendario que estableza a comisión de acceso da Escola Superior de Restauración e Conservación de Bens Culturais.


Requisitos de acceso: Estar en posesión do título de bacharel ou equivalente e superar unha proba específica de acceso.

Prazo de inscrición para realizar a proba específica: do 15 de maio ao 6 de xuño de 2013 na secretaría dunha das Escolas de Arte e Superior de Deseño de Galicia

As probas específicas de acceso levaranse a cabo o día 20 de xuño de 2013 na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso a Coruña.


Requisitos de acceso: Estar en posesión do título de bacharel ou equivalente e superar unha proba específica de acceso.
 
Prazo de inscrición para realizar a proba específica: do 15 de maio ao 7 de xuño de 2013 na secretaría dos Consevatorios Superiores de Música

As probas específicas comezarán o día 25 de xuño conforme ao calendario que se estableza a comisión de acceso dos Conservatorios Superiores de Música que organizarán a distribución horaria e os espazos de actuación de cada tribunal.